AQUELAS VIAXES NO GÓMEZ DE CASTRO


AQUELAS VIAXES NO GÓMEZ DE CASTRO

        As viaxes naqueles autobuses, alá polos anos 60/70, cando a estrada entre o Castelo(Lalín) e Pontevedra era tan estreita que apenas cabían dous ao par, cando non tiña máis ca curvas, cando a subida á cima do Candán facíana a “paso de tartaruga” e cando paraban en todos os pobos da ruta (O Castelo, Muimenta, Goiás, Lalín, Botos, Soutolongo, Vilatuxe, Laro, Refoxos, Candán, Aciveiro, Cachafeiro, Folgoso, Cerdedo, Pedre, Santa María e San Xurxo de Sacos, Viascón, Tenorio, Bora e Pontevedra ) facíanse interminables. Chegaba un tan canso ao seu destiño, que lle facían falta dous días pra repoñer forzas.
        Non lembro o tempo que lle levaba percorrer os 90 Km. que habería daquelas entre os dous sitios, pero debía pasar ben das tres horas de viaxe. En cada sitio que paraba (que era en todos), perdía tres ou catro minutos pois daquela, todo o mundo andaba con maletas que había que subir para baca do coche, onde ían tapadas cunha gran lona para que non se mollaran nin se mancharan, xa que os maleteiros baixos eran tan pequenos que apenas collían tres ou catro maletas. Amais, algunhas veces, a lona soltábase e había que parar pra atala de novo. E aínda por riba, en Lalín e Cerdedo sempre paraban uns dez minutos para estarricar as pernas e mollar a palleta na de Mouriño ou na do Roxo.
        Chegaba un a Pontevedra coa cabeza tola polo ruído que facían e polo cheiro o gasoil, pois o motor levábano dentro. Lémbrome daquelas palancas de cambio que tiñan e que medían un metro, tremían todo o camiño dun lado pra o outro e cada cambio de velocidade leváballe ao condutor un tempo, pois o percorrido que facía era ben grande e había que embragar dúas ou tres veces, co que o coche perdía bastante velocidade nos cambios. Algunhas veces, cando a viaxe era pola noite, o revisor levaba unha escopeta, porque había moitos coellos entre Aciveiro e Cachafeiro. Moitos cruzaban por diante das luces do coche e disparáballes pola ventanilla de diante. Mataba tantos que algúns dáballos ós viaxeiros
        Pasar o Candán no inverno coas nevadas que había daquela, era un perigo que había que estar alí para velo. A maior parte das veces, cando o autobús esvarexía, baixaban os homes que viaxaban para axudarlle ao revisor a coller pedras dos balados para poñer diante das rodas e poder seguir. Un ano baixando cara Aciveiro, (lémbrome que era revisor o Sr. Manuel de Borraxeiros na Agolada e que rematou despachando billetes na parada de Pontevedra) o autobús foise da estrada e arrimou contra un torreón na ladeira do monte nunha curva que había antes do Río Lérez. Tiveron que vir uns veciños con vacas, e o mesmo tempo que tiraban del, os viaxeiros empurraban ata que o sacaron de alí. A cousa rematou ben e con celebración nunha taberna que había en Aciveiro, mentres as mulleres e os rapaces esperabamos no coche.
        Pero o certo é que nos anos que viaxei nunca tivo un accidente ningún dos autobuses que viaxaban entre Lugo e Vigo. Eran bos condutores, si señor. Lémbrome dun (o Sr. Pepe) que conducía sempre agarrado a un puro e gustáballe moito cantar, en canto me miraba na parada botábame un sorriso pois sempre cantabamos algo durante a viaxe, ata que o mareo empezaba a facer efectos.
        Os revisores eran uns artistas do equilibrio pois tan pronto subía alguén, e o coche empezaba a moverse dun lado pro outro, polas curvas e o mal estado da estrada, eles, espetaban os pés no chan e escribían o billete sen que lles tremera o pulso e iso que o corpo íalles bailando de un lado pro outro. Ademais do Sr Manuel tamén me lembro dos Castros, o grande e o pequeno como eran coñecidos. O grande aínda ía indo, pero o pequeno, tiña unhas malas pulgas doentes de moito nabo. Berraba con todo o mundo e non podías levantar a voz máis cá súa ou ameazaba con baixarte na próxima parada.  Pero non era mala persoa, non. Eu penso que o facía para entreterse en tan longas viaxes pois dende Lugo a Vigo, debía llevarlles todo o día. Unha vez na que eu ía coller o autobús para Pontevedra, atopábame en Muimenta e pensei que aínda me daba tempo de chegar ó Castelo para collelo alí. Botei a andar, pero calculei mal a cousa, porque na metade de camiño, nun sitio que se chama o Alto de Corres, xa o escoitei. Tan pronto o vin levantei a man para paralo e nada máis subir ,mirei para o revisor e pensei “vaia oh, tiña que ser el, o Castro pequeno” teméndome o peor. Nada máis sentarme, arrimouse á miña orella e díxome máis ou menos:
        – Rapaz, tiveches sorte de que che parase o chófer, que se é por min, quedas na estrada. Así que xa sabes, para a próxima estás na parada, ou esperas para o outro día, e se tes apuro vas pola besta e fas a viaxe nela.
        Pero o malo foi que non quedou aí a cousa, non. Cada vez que non tiña nada mellor que facer, achegábase á miña orella e rosmabamo unha e outra vez, e así foi todo o camiño ata chegar a Pontevedra. E eu caladiño, e aguantando o chaparrón que para iso os rapaces de antes eramos ben educados según decían.
        Viaxaba moita xente daquela. De Pontevedra cara a Lugo sempre ían dous ou tres autobuses de reforzo e daban a volta segundo ían baixando os viaxeiros. En Cachafeiro case sempre quedaba un baleiro ao baixar moita xente de Forcarei. E a partires de Lalín, xa sempre seguían dous ou un só. O peor era cando había que ir de pé toda a viaxe e íaselle preguntando aos sentados onde baixaban para ter xa o sitio collido.
        Agora despois de tantos anos, dá gusto mirar para aqueles autobuses tan fermosos e que se están tentando recuperar. Que ledicia velos pola estrada, e ata dan ganas de viaxar neles outra vez… claro que as condicións nas estradas de hoxe xa non son as mesmas que as de antes.

Imaxe

Advertisements

2 thoughts on “AQUELAS VIAXES NO GÓMEZ DE CASTRO

  1. Efectivamente había moitos coellos, case sempre na curva do Km. 25, onde botaban a estivada as mulleres de Millerada. Cando pasaba a liña o conductor pitáballes e elas erguían os brazos ao unísono saudando. Unha vez, en Freixeiro, lembro que o Castro pequeno, polo que fora, demorouse un chisco e o conductor empezou a andar, entón o Castr demostrou que era puro nervio, pois´á carreira, remangouse na escaleira traseira e, deste xeito, viaxou ata a próxima parada.
    Na citada curva, no tempo da caza, sempre había coches parados dos cazadores.
    Soamente lembro un accidente, nas curvas que hai antes de Covas, o autobús dou un salto e o conductor empotrouno contra unha laxes que pechan a estrada pola dereita; reirédesvos, pero saíralle enteiro o eixo traseiro, que quedou atrás a uns cincuenta metros do accidente. O conductor dicía que boa sorte tiveramos, pois o tubo da trasmisión ben podería ter ergueito a liña e dar un pincha carneiro.
    Con todo, a viaxe da estradende era moito mais longa, no espacio e no tempo, pois paraba case unha hora na Estrada, esperando empatar coa que viña de Santiago.

    • Que bo o que comentas Xavier. Na estradense tamén teño viaxado algunhas veces e tes razón en que a viaxe era moito mais longa. Amais, tamén teño viaxado nos días feirados de Lalín, coa empresa “Viuda de Cándido” que iba a todas as feiras, pero eso si que era perder o día inteiro.
      Aquelas carreteras e autobuses jaaa. Hoxe sería impensable á velocidade que andamos. Fai uns días visitei no Polígono Industrial de Silleda, os autocares que está restaurando Cuíña. Que ledicia mirar pra eles, e que lembranzas traen.
      Unha perta

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s