O FURRIEL (De Muimenta)


O FURRIEL (De Muimenta)

          Fai tantos anos que aquel home traballou na nosa casa de Muimenta, que xa apenas me lembro del, e aínda menos do seu nome se é que algunha vez o souben. Era o Furriel para todos, non sei se por herdanza do servizo militar ou porque era o seu propio apelido.

          Na casa, había unha pequena taberna mesmo na entrada debaixo das escaleiras que daban ao andar de riba, ademais dunha panadería que se fixera nova fóra da casa arrimada á eira. Hai uns anos que os meus curmáns Afonso e Isabel desfixérona e levárona para detrás da casa, e ben fermosa que loce alí. Vén ao caso porque o Furriel era o que traballaba na panadería e na taberna, anque nesta algo menos,  pois con él preto, corrían perigo as botellas da augardente.

          Era un home moi traballador e de moita confianza na casa. O meu pai dicía dél, que era das persoas máis leais que coñecía, sobre todo facendo as contas, cando o mandaban a Lalín mercar as cousas  para a casa e para o traballo.

          Fumaba e bebía augardente coma un carreteiro, sen que teña eu nada en contra dos carreteiros. El foi o que me meteu o vicio do tabaco sendo eu moi cativo. Polas tardes mandábano  picar na leña para o forno na eira. Alí  había moita broza e carqueixas amontonadas, polo que o meu padriño Jesús non quería que fumara alí porque podía prender lume. Pero el tiña unha solución, mandábame a min para detrás do valado co pitillo prendido e cando me chamaba, dáballo por un buraco que había, botáballe unha chupada e volvíamo. Claro que iso levou a que eu empezase a darlle tamén unhas chupadiñas de cando en vez.

          Non me lembro nin sei de como chegara á nosa casa, de onde viña e se tiña familia ou non.

           Pero volvendo ao de antes, e como dícía, era moita a augardente que bebía. Pola noite xuntábase moita xente na casa, pois a taberna, ao ter o mostrador pequeniño, o viño e ó café poñíanse na cociña, que era moi grande e na que se estaba moi ben nos seráns do longo inverno ao pé da cociña de ferro. A cociña hoxe en día, segue tal cual era daquelas. Sentábase nun tallo que levara eu do Castelo para min, e que me fixera o meu tio Camilo e que rematou sendo del, e alí botaba a noite bebendo augardente e dándolle de cando en vez uns grolos aos cans, que era unha cousa que lle gustaba facer non sei moi ben o porqué, e iso que o meu padriño Jesús berraba sempre con él para que non o fixera.

          Había un capón na casa que andaba sempre solto e ao que lle gustaba o viño. Aproveitaba as pingas que caían nas tazas que se poñían debaixo dos pichos dos pipos para que non caesen pro chan, e ademais moitos dos que alí viñan, deixábanlle un grolo no cu da taza para darllo. O caso é que o Furriel e mailo capón, andaban a tumbos a diario dun lado para o outro.

          Segundo contaba o meu pai, unha noite pillou ao Furriel dándolle augardente ao capón cunha botella daquelas que tiña un bico para botar as pingas no café. O caso é que ao outro día o galo apareceu teso na eira. O meu padriño, seica lle botou unha berra de moito nabo,e el tomouno tan a peito que lle dixo ao meu pai que se ía aforcar nunha viga. Alá polo medio da tarde e ao non aparecer pola casa, foron ver se o atopaban e seica estaba no que foi a palleira subido nun tallo e cunha corda ao pescozo atada a unha viga. Contaba o meu pai que a corda estaba moi frouxa e que lle díxo meu padriño:

          – Pero ti que andas a facer?

          – Voume aforcar.

          – Pero terás que estarricar máis a corda carallo, ou? Non ves que así vas sofrir moito o andar arrastrando os pés polo chao ata que morras…

          – Bueno, vostede déixeme, que eu ben sei o que me fago.

          Marcharon e deixárono alí pensando en que non corría ningún perigo, pois non tiña nin a máis mínima intención de aforcarse. O remate do conto segundo dicía o meu pai, foi que cando se fixo noite, foino buscar a miña madriña Maruxa para que viñese cear e seica chegou á cociña, sentouse no seu tallo que era o meu e ceou e bebeu a augardente que quixo sen falar palabra con ninguén.

           Non lembro o momento no que marchou de Muimenta. Pode ser que fora, cando a miña madriña marchou  vivir para Vigo, pero non o sei certo. O que sí, é que un tempo despois, eu fun facerlles unha visita aos meus curmáns de Moneixas, e cal é a miña sorpresa cando me di a miña curmá  Fe que o Furriel da nosa casa de Muimenta, casara cunha muller da aldea que tiña uns nove fillos, que preguntaba moitas veces por min e que cando fora por alí que non deixara de facerlle unha visita, como así fixen. Pola noite, o meu curmán Pepe, levoume a casa dél e sentín unha gran ledicia por volver velo, e no seu abrazo notei tamén que se alegraba moito de verme.

          A estampa que vin alí, pareceume cómica, el era cativo e delgado,  penso que non pasaba dos  cincuenta kilos e a muller coa que casara, tres veces máis grosa e máis alta ca el. Alí estaban tamén tres ou catro fillas da muller, moi fermosas todas, e ela diante da cociña de ferro facendo unhas rosquillas. Alí estiven un bo anaco falando con eles e comendo daquelas rosquillas… das que non vou dicir nada.

          E alí viviu durante un tempo, en Moneixas. Ata que cheguei un día e a miña curmá contoume que marchara (non lembro se pra Vigo) pois a muller seica lle metía cada tunda que pra qué, e ata me parece que unha vez andivo detrás del pola aldea  en diante cunha machada na man.

          Pero o que é a vida. En Pontevedra, onde eu vivía, estaba o asilo moi preto, e ao seu carón había unha taberna que se chamaba “Casa Lino” onde paraba sempre para coller o pan e tomarlle unha cervexa. Un día cando ía entrar, escoitei que chamaban por min, volvinme, e quen era o que me chamaba dende o alto do muro….¡¡¡ O FURRIEL!!!, mecajo no demo,o mismo Furriel da miña casa de Muimenta, o que se quedera co meu tallo. Saltei o muro e démonos un abrazo dos que non se esquecen tan facil.

……….Alí estaba, pero non o deixaban salir porque dicia a superiora que sempre chegaba “moi alegre”. Eu daquela, dedicábame á música e pasaba moito tempo en Lugo e en Santiago. Encargueille ao Sr. Lino que non lle faltase tabaco, e que lle dese de cando en vez algunha botella de viño ás agachadas.

          E alí estivo un tempo, pouco tempo. Ata que un día cheguei, e o Sr. Lino, díxome que había uns días que non aparecía polo muro do asilo. Fun falar coa superiora e díxome que escapara unha mañá, e que seica o viran polos arredores da estación do tren. Non volvín a saber nunca máis del, do Furriel…do meu Furriel, do Furriel da miña casa de Muimenta…aquel que se quedou co tallo que me fixera o meu tio Camilo do Castelo.

cropped-sin-tc3adtulo4.jpg

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s