O MEU CURMAN ALFONSO DE MUIMENTA


O MEU CURMAN ALFONSO DE MUIMENTA

          Pois sí. Era o meu curmán, o seu pai mais o meu eran irmáns. Pero Alfonso, era desa casta de curmáns ós que só lles falta un chisco para que sexan irmáns.

          Mentras fun a escola a Muimenta, vivín con el na casa dos nosos avós en vez dir pro Castelo que era a miña aldea materna, na que nacín e onde estiven sempre mais a gusto. Iamos a mesma escola, tíñamos a mesma mestra, montabamos na mesma besta, dormiamos na mesma cama, e xuntos, roubábamoslle a froita o crego. Cando lle chegou o tempo de ir pra Pontevedra a estudar e a xogar o Futbol no  equipo do Vilalonga (cousa que seica non facía nada mal), viviu na nosa casa. Alí dormiamos en distintas camas pero no mesmo cuarto. Asi é que coma quen dí, criámonos xuntos. Era algo maior ca min, e por iso sendo eu pequeno, sempre o considerei algo así como o “meu primo do  Zumosol”.  Mentras estiven en Muimenta, os seus amigos eran os meus amigos, convertíndose ún deles, Manolo dos Xastres de Meixomín e que morreu moi novo, en ún dos mellores amigos que tiven daquelas.

          Tocaba a guitarra moi ben e cantaba aínda mellor, foi un dos meus mestres nas dúas cousas. O meu pai non nos deixaba cantar durante a semán porque decía que había que estudar, pero ó chegar o sábado, xuntabámonos cos veciños e os amigos da Rúa dos Salgueiriños en Pontevedra; os Chamadoiras, Guillerme Vazquez, Luís Paz, Armando Gaiteiro, José Manuel Nanín, Vicente Fdez. Moure e algún mais que de seguro que me esquezo, e cantabamos na miña casa ate que clarexaba o día. A música foi a súa gran paixón. Anos despois de marchar de Pontevedra e do seu paso polo seminario, tocou en distintas Bandas de Música da comarca do Deza e como non, na de Muimenta, ademais de cantar na Coral da Agolada nos seus derradeiros anos.

          Andando o tempo, volveuse pra Lalín, casou con Isabel, unha moza moi fermosa e aínda mellor persoa de Ventosa, e a que eu quero moito tamén. Colleron arrendada unha Taberna/ Bar na parroquia de Brántega da Agolada. Eu casei en Bermés e collíame preto, polo que en canto podía, iba facerlle a visita pola noite. Alí con él, pasei algunhas noites de música e leria acompañados polos clientes e veciños da parroquia ate altas horas da mañá.. Era amigo de todos e moi querido polos mesmos, e ninguén pode decir que se levara mal con él.

          Anos despois quedouse en herdanza coa nosa casa paterna de Muimenta, arranxou o que en tempos foi a palleira e a carpintería do noso avó, e convertíuna nun fermoso Mesón, “A Balouta” onde Isabel cociñaba unhas ceas que eran unha ledicia, e onde se cataban uns estupendos viños acompañados polos torresmos que fritía pra que tirasen dél. Alí sempre estaba acompañado da xente que viña de Lalín ou da Agolada e dos amigos que había deixado en Brantega. Cando me coincidía de estar en Bermés e sempre que podía, anque por desgraza non foi tantas veces como ún quixera, iba tomar café onda él despois do xantar, e como sempre xantaba tarde polo enredo do mesón, iba pronda él pra cociña de ferro da casa que se conserva igual que cando eramos cativos, e alí latricábamos un anaco, lembrando vellos tempos e falando da música que tanto nos gustaba.

          Pero o traballo era duro e a saúde non axudaba moito, así que fai uns anos decidiron traspasalo mesón e arranxar a casa pra poder levar unha vida mais pausada nos anos vindeiros.

          Agora, levaba un tempo no que xa andaba mal, pero a derradeira vez que estiven con él, estaba todo cheo de ledicia e decíame o ben que se sentían Isabel mais él o traspasalo, xa que lles supoñía moito traballo e andar a deshoras todos os días.

           A vida, tantas veces dura, non quixo que fose mais pralá de onte. Do querido que era na comarca e da cantidade de amigos que tiña, da fé o abarrotamento do auditorio de Muimenta onte durante os funerais.                     

          Lembrareime sempre dél, da súa fermosa voz e das horas que pasamos xuntos compartindo montóns de contos e cantigas, e quedareime coa sua cara reflexada na da súa dona e na dos seus fillos.

          Unha aperta irmán, e ata sempre.

Imagen

Alfonso a dereita coa camisa azul cantando coa Coral de Agolada. (Foto da Coral)

Advertisements

2 thoughts on “O MEU CURMAN ALFONSO DE MUIMENTA

  1. Vaia Pepe. Síntocho ben. Facía moitos anos que non estaba con él, dende os tempos de Brántega. Fixechesme lembrar aquelas noites de música na túa casa canto ti mais el tocábades a guitarra. Fermosos tempos aqueles, a verdade que sí.
    Teño algunas fotos daqueles tempos. Pasate pola casa un día e mirámolas.
    Un abrazo para ti e para a familia.

    • Que tal Pancho. Xa vés como están as cousas. Levamos unha mala racha. A ver si me paso por Monforte un día destes en canto mellore o tempo e esté en Lalín que apetéceme facerche unha visita. Así que acepto con gusto o teu convite. Xa te chamo.
      Unha aperta

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s