O MEU CURMAN ALFONSO DE MUIMENTA

O MEU CURMAN ALFONSO DE MUIMENTA

          Pois sí. Era o meu curmán, o seu pai mais o meu eran irmáns. Pero Alfonso, era desa casta de curmáns ós que só lles falta un chisco para que sexan irmáns.

          Mentras fun a escola a Muimenta, vivín con el na casa dos nosos avós en vez dir pro Castelo que era a miña aldea materna, na que nacín e onde estiven sempre mais a gusto. Iamos a mesma escola, tíñamos a mesma mestra, montabamos na mesma besta, dormiamos na mesma cama, e xuntos, roubábamoslle a froita o crego. Cando lle chegou o tempo de ir pra Pontevedra a estudar e a xogar o Futbol no  equipo do Vilalonga (cousa que seica non facía nada mal), viviu na nosa casa. Alí dormiamos en distintas camas pero no mesmo cuarto. Asi é que coma quen dí, criámonos xuntos. Era algo maior ca min, e por iso sendo eu pequeno, sempre o considerei algo así como o “meu primo do  Zumosol”.  Mentras estiven en Muimenta, os seus amigos eran os meus amigos, convertíndose ún deles, Manolo dos Xastres de Meixomín e que morreu moi novo, en ún dos mellores amigos que tiven daquelas.

          Tocaba a guitarra moi ben e cantaba aínda mellor, foi un dos meus mestres nas dúas cousas. O meu pai non nos deixaba cantar durante a semán porque decía que había que estudar, pero ó chegar o sábado, xuntabámonos cos veciños e os amigos da Rúa dos Salgueiriños en Pontevedra; os Chamadoiras, Guillerme Vazquez, Luís Paz, Armando Gaiteiro, José Manuel Nanín, Vicente Fdez. Moure e algún mais que de seguro que me esquezo, e cantabamos na miña casa ate que clarexaba o día. A música foi a súa gran paixón. Anos despois de marchar de Pontevedra e do seu paso polo seminario, tocou en distintas Bandas de Música da comarca do Deza e como non, na de Muimenta, ademais de cantar na Coral da Agolada nos seus derradeiros anos.

          Andando o tempo, volveuse pra Lalín, casou con Isabel, unha moza moi fermosa e aínda mellor persoa de Ventosa, e a que eu quero moito tamén. Colleron arrendada unha Taberna/ Bar na parroquia de Brántega da Agolada. Eu casei en Bermés e collíame preto, polo que en canto podía, iba facerlle a visita pola noite. Alí con él, pasei algunhas noites de música e leria acompañados polos clientes e veciños da parroquia ate altas horas da mañá.. Era amigo de todos e moi querido polos mesmos, e ninguén pode decir que se levara mal con él.

          Anos despois quedouse en herdanza coa nosa casa paterna de Muimenta, arranxou o que en tempos foi a palleira e a carpintería do noso avó, e convertíuna nun fermoso Mesón, “A Balouta” onde Isabel cociñaba unhas ceas que eran unha ledicia, e onde se cataban uns estupendos viños acompañados polos torresmos que fritía pra que tirasen dél. Alí sempre estaba acompañado da xente que viña de Lalín ou da Agolada e dos amigos que había deixado en Brantega. Cando me coincidía de estar en Bermés e sempre que podía, anque por desgraza non foi tantas veces como ún quixera, iba tomar café onda él despois do xantar, e como sempre xantaba tarde polo enredo do mesón, iba pronda él pra cociña de ferro da casa que se conserva igual que cando eramos cativos, e alí latricábamos un anaco, lembrando vellos tempos e falando da música que tanto nos gustaba.

          Pero o traballo era duro e a saúde non axudaba moito, así que fai uns anos decidiron traspasalo mesón e arranxar a casa pra poder levar unha vida mais pausada nos anos vindeiros.

          Agora, levaba un tempo no que xa andaba mal, pero a derradeira vez que estiven con él, estaba todo cheo de ledicia e decíame o ben que se sentían Isabel mais él o traspasalo, xa que lles supoñía moito traballo e andar a deshoras todos os días.

           A vida, tantas veces dura, non quixo que fose mais pralá de onte. Do querido que era na comarca e da cantidade de amigos que tiña, da fé o abarrotamento do auditorio de Muimenta onte durante os funerais.                     

          Lembrareime sempre dél, da súa fermosa voz e das horas que pasamos xuntos compartindo montóns de contos e cantigas, e quedareime coa sua cara reflexada na da súa dona e na dos seus fillos.

          Unha aperta irmán, e ata sempre.

Imagen

Alfonso a dereita coa camisa azul cantando coa Coral de Agolada. (Foto da Coral)