O CASTELO (Cadrón – Lalín)

 O CASTELO (Cadrón – Lalín)

          O Castelo é unha aldea moi próxima a Agolada, no veciño concello de Lalín. O Arnego marca no medio unha barreira líquida que antano se salvaba por unha ponte medieval da que aínda quedan vestixios merecentes de atención. A relación entre Agolada e o Castelo sempre foi intensa e amable. Ao Castelo iamos buscar os doces para a festa e cos do Castelo compartiamos a tosta de Vilariño para os baños estivais e as tabernas do Souto e do Ríos para repoñer “combustible”.

          Agolada e o Castelo estiveron unidos desde os albores da historia por un camiño antigo, que logo se dixo medieval. Elisa Ferreira Priegue, estudosa dos camiños, mesmo indica que por aquí transcorrería unha calzada romana de segundo rango. Este camiño viña de Esporiz (Monterroso) polo Marco, pasaba Agolada e descendía ao Arnego ata a Ponte Vilariño. Desde aquí trazaba un pronunciado cóbado para ascender a Cadrón. Seguía ao Castelo e desde o Castelo buscaba a Ponte das Abellas para continuar por Cancelas, Palmou e chegar ao Vento. Collía dirección a Santiso, Bendoiro, Prado, A Borralla e a Ponte medieval de Taboada.

          O topónimo Castelo é moi transparente. Alude a unha fortificación ou a un tor granítico. No fondo da aldea hai un promontorio rochoso que con toda certeza lle deu nome á aldea. Eu aventuro (e perdóenme o atrevemento) que probablemente se trate dun castelo medieval do que descoñezo referencias históricas, pero a conformación do outeiro e a aquitectura dalgunhas casas aledañas parencen indicarnos tal posibilidade. Eu intúo que parte dos perpiaños utilizados nunha casa fidalga, en proceso de restauración actualmente, foron reutilizados dunha construción máis antiga, que moi ben podería ser o orixinario Castelo que lle deu nome á aldea. Portadas molduradas en bisel, lintel apoiado en mochetas,  cornixas en gola baixo o tellado, perpiaños rubricados cos sinais identificativos dos canteiros son propios da Idade Media e moi probablemente pertencentes a un edificio singular e de boas proporcións. Na microtoponimia da aldea designan as leiras e os prados que hai na parte baixa deste outeiro como o Sucastelo, topónimo que indicaría a situación respecto do Castelo situado en lugar máis elevado. Déixoo así para investigadores máis avezados que queiran afondar nesta hipótese.

(Traballo copiado do Blog AQUAM LATAM  editado o día 4 de Febreiro de 2014)

Imagen

Imagen

Imagen

Imagen

Imagen

Imagen

Imagen

Imagen

Imagen

Imagen