O CANTAR DA FEIRA DOS CARBALLIÑOS (Vilatuxe – Lalín)


O CANTAR DA FEIRA DOS CARBALLIÑOS (Vilatuxe – Lalín)

Pola Comarca do Deza,

e moi preto do Candán,

ó chegar o mes de Maio,

vaia feira que vos fan.

 

Seica traballan arreo,

moitos días seus veciños.

Tratan de recuperar,

a Feira dos Carballiños.

 

Que foi feira de renome,

alá nos anos cincuenta,

despois botouse a perdere,

e deixounos nos setenta.

 

Que ninguén falte señores,

alá pola mañanciña,

se non teñen en que ire,

pon autobuses Cuíña.

 

E como os coches modernos,

solo con velos da noxo,

traerá súas reliquias,

a Escudería do Toxo.

 

Dende moi cedo ese día,

vai chegando a mocedade,

ó son que marcan as pezas,

dos Gaiteiros de Doade.

 

Os maiores presumindo,

ó entender destas feiras,

acompáñanse do canto,

que cantan as cantareiras.

 

E non podía faltar,

no apartado musical,

a Banda de Vilatuxe,

que non o fai nada mal.

 

Que fermosa Vilatuxe,

durante todo ese día,

ata teñen un barbeiro,

e outro señor que afía.

 

Posto da Garda Civil,

pra defende-los arrieiros,

dos que asaltan os camiños,

pra roubarlles seus diñeiros.

 

E a Carmen facendo puchos,

e a Jose de Materio…

dá ledicia vir a velos,

fan un traballo moi serio.

 

Pódese atopar de todo,

nos postos dos Caraballiños,

dende pantrigo e centeo,

ata empanada de millo.

 

Non fan falta moitos cartos,

pra que se poidan mercar,

uns tarros de mel de Zobra,

e uns queixos do lugar.

 

E pra xantar ben a gusto,

acompañando un bó viño,

empanada, carne, pan,

e pulpo do Carballiño.

 

Non quixera despedirme,

sin nomear a comisión.

Polo traballo ben feito,

unha estrofa na canción.

 

Agora sí, me despido,

que ogallá o pasedes ben,

unha aperta para todos,

e hasta o ano que ven.

          Os veciños de Vilatuxe andan a recuperar a Feira dos Carballiños, que

foi das mais importantes da Comarca do deza ate os anos 70 e que tiña lugar

ó día oito de cada mes. Agora celébrana no segundo domingo de Maio, de-

mostrando que a pesar das modernidades de hoxe en día, podese parar o

tempo para comprobar que o rural sigue existindo.

           Eu tiven a ledicia de visitala, e de sentirme outra vez cativo no medio

do ferver da xente. De volta pra casa fixen un alto na cima do Candán e

xurdíume a idea de facerlle o cantar  que vos presento.

Un pouco mais abaixo das fotos (en comentarios) hai unha nota aclaratoria mais completa

sobre Vilatuxe, a feira e o cantar)

ImaxeImaxeImaxeImaxe

         

         

4 thoughts on “O CANTAR DA FEIRA DOS CARBALLIÑOS (Vilatuxe – Lalín)

  1. CANTAR DA FEIRA DOS CARBALLIÑOS

    A Feira dos Carballiños, na Parroquia de Vilatuxe (Lalín) foi unha feira de renome ate a segunda mitade do século pasado. Das mellores que había pola Comarca do Deza.
    Esta Parroquia estaba encadrada no Camiño dos Arrieiros e na que confluían dous deles. Un que saíndo da Almuzara hacia Lalín atravesaba Punxín, Maside, o Carballiño, o Irixo e no alto da Cruz da Grade, partía en dous: un que seguía cara a Lalín, Agolada e As Cruces e outro que baixaba a Vilatuxe para seguir cara a Silleda e Santiago. O outro moito mais importante ca este, saía de Ribadavia e pasaba por Leiro, Gomaríz, Cabanelas, O Torrón, Arenteiro, O Tellado, Zobra e xuntaba en Vilatuxe co do Irixo.
    Polo tanto, a Feira dos Carballiños supoñía un centro ecónomico moi importante debido a riqueza da Comarca e a cantidade de arrieiros que por alí pasaban e onde tiñan parada e fonda. Alí deixaban e vendian ou cambeaban moitas das súas mercadurías, ate sei de boa tinta que unha das actividades mais importantes nos anos seguintes da guerra era o estraperlo e a compra de Wolfran “sustraído” polos miñeiros as agachadas nas minas da Brea en Fontao, e que os arrieiros levaban as agachadas ate a estación do tren no Carballiño, onde había compradores para él.
    Pero esta feira xunto con casi todas as da Comarca foron desaparecendo nas décadas dos 70/80, o non se adaptar ós tempos modernos, ó abandono do rural e a proliferación de Supermercados e grandes Areas Comerciais entre outras cousas.
    Mais o seu recordo sigue en moita xente que pensa que certas tradicións hai que conservalas e que non se pode estragar un anaco tan importante da nosa cultura, polo que por medio de distintas asociacións estánse a recuperar moitas delas.
    Este é o caso da Feira dos Carballiños de Vilatuxe, que trata de recuperar a asociación de veciños da parroquia, no segundo domingo do mes de Maio. E a verdade que están a conseguilo.
    Eu tiven a ledicia de visitala no ano 2012, e de verdade que quedei prendado do que alí vin. Tanto foi así que meses despois púxenme mans a obra e dediqueilles un cantar: “CANTAR DA FEIRA DOS CARBALLIÑOS” que vos poño de seguido, e que o acompaño de unhas notiñas para que poidades entender o que alí se fai, e pra que en anos vindeiros, non faltedes, porque a boa fé que paga a pena.

    NOTAS PARA ENTENDER ALGO MELLOR O CANTAR.
    Direivos que a Empresa Cuiña, leva todos os seus autobuses restaurados e que datan dos anos 50/70.
    A Escudería de O Toxo aporta uns cuantos utilitarios de época.
    A música poñena A Banda de Vilatuxe, os Gaiteiros “Os Trasnos de Doade” e un grupo de cinco cantareiras da Parroquia.
    Teñen un actor, representando ao gran pintor Lalinense “Laxeiro” na súa barbería, pois antes de ser pintor percorría as feiras cortando os cabelos dos parroquiáns.
    Ó ser camino de arrieiros, fan unha representación , na que os asaltadores de camiños rouban a un arrieiro ó que salva a Benemérita.
    Carmen e José, son dúas personas que participaban na feira, Carmen facendo puchos de palla e José, chegou nun tractor dos anos 70 e despois percorreu a feira con un cesto ofrecendo ovos e allos.
    O longo da Feira hai distintos postos de productos da Comarca e outras mais cousas.
    E como non podíaser de outro xeito, churrasco, bacallao e pulpeiras do Carballiño.

  2. Gracias pola adicatoria e a cantiga!!! É unha honra traballar para recuperar esta feira, sobre todo cando xente coma tí dunhas verbas que describen o que alí se pode atopar, fan unha cantiga que nos enche o corazón dando por mais ca bo o traballo pasado. Non se pode describir mellor a historia da nosa feira e a vontade dos veciños por recuperar a “nosa feira”. Compañeiro Jose, coma sempre un pracer contar con vostede como amigo !!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s