OS ARRIEIROS E OS SEUS CANTOS


OS ARRIEIROS E OS SEUS CANTOS

(Arrieiro, de arriar, estimular as bestas para que boten a andar ou para que apuren o paso)

A palabra arrieiro, refirese a todo transporte de mercadorías, feito por mulas, cabalos e carromatos. Así, hai arrieiros do carbón, sal, grao, mel, gando, peixe, cera,  etc.  Pero é o termo mais usado pros que transportaban o viño con bestas, cabalos ou mulas, estas  eran as que preferían os arrieiros porque tiñan maior resistencia. Cada mula transportaba arredor de sete olas de viño, e cada ola leva 16 litros.

Normalmente cada arrieiro tiña entre sete e doce animais, según a súa capacidade económica, e atabaos un tras doutro formando unha ringleira que se coñecía como “recua”.

mulas

O oficio de arrieiro era moi escravo pois ademais dos duros traballos do seu oficio, tiñan que soportar as inclemencias do tempo, sobre todo no inverno, cando o vento e a choiva eran casi insoportables para esta xente, e que ante as duras nevadas e abundantes brétemas perdían moitas veces o seu rumbo. A maneira de volver a atopalo era descargar a mula mais experta polo número de viaxes feitos, e que normalmente era a segunda da recoa, soltala e seguila. O seu instinto levaba outra vez ó camiño. Os medios para defenderse destas duras condicións eran moi escasos. Usaban un carapucho ou unha coroza de palla ou xunco. Cando nevaba tiñan que pisar a neve cos  zocos diante das mulas para facerlle camiño e que non esbarexeran, anque nalgunhas ocasións e cando a neve era moi abundante, facíanlles un “calzado” de xestas coñecido como “zarocas ou zaroucas”.

Para transportar o viño utilizaban  “pelexos”, que se adaptaba moi ben pola súa forma ó corpo do animal que o transportaba. Estaban feitos de pel de castrón ou cabra, a que se lle daba a volta co de dentro para fora, embadurnando o seu interior con “pez” para que non se estragara o viño e para que o pelexo non tivera perdas. O pez facíase con aceite mesturado con brea. Quentábase ao lume ata que estivera líquido e metíase no pelexo, dándolle voltas ata estendelo por todo o seu interior.

Os peliqueiros eran os que confeccionaban os pelexos novos ou reparaban os vellos que rachaban, anque moitos dos arrieiros criaban un rebaño de cabras e eles mismos facian e arranxaban os seus pelexos.

Almacenaban o viño case sempre nas súas casas para despois vendelo na feira ou repartilo polas tabernas e casas particulares. Normalmente deixábano no mismo pelexo anque tamén se utilizaban bocois de seis moios. Cada moio equivalía a oito olas e cada ola dezaseis litros sendo 128 litros o total. Na Comarca do Deza un moio equivalía a 132 litros, quizais para compensar a disminución que se ocasionaba pola viaxe ou polo viño que se perdía durante a trasega. Os pelexos non tiñan todos a misma capacidade, dependendo esta da medida do animal que do se fixera.

imagen-destacada

A ALMUZARA: A Almuzara é unha parroquia do Concello de Boborás. Neste lugar éra onde confluían moitos camiños dos arrieiros que iban cara a Provincia de Pontevedra, por alí pasaban os arrieiros camiño da Estrada, Forcarei e Cerdedo, os que iban por Beariz hacia Marín pasando por, Covelo, O pelete, A Lama, Ponte Caldelas, e os que iban cara Lalín e outros lugares da Comarca do Deza pasando polo Irixo e polo Alto da Cruz da Grade. Neste alto o camiño partía en dous, un que o traveso de Vilatuxe dirixíase a Silleda cara Santiago e outro que o traveso de Lalín iba hacia Agolada por Muimenta e Cadrón. Hai outra ruta que transcurre por anacos de un antergo Camiño Real que saía de Ribadavia e pasaba por Leiro, Gomaríz, Cabanelas, O Torrón, Arenteiro, O Tellado, Zobra e xuntaba en Vilatuxe coa ruta do Irixo e onde se facía a antigua Feira dos Carballiños. Esta parroquia era tamén lugar de parada e fonda pros arrieiros.

A Almuzara era polo tanto, un lugar onde se lles prestaban moitos servizos ós arrieiros. Había mesóns e pousadas onde descansaban, comían e pasaban a noite tanto os animais como as persoas. Os mesóns mais importantes eran os de Elixio Fernández é Aureo Peña Salceda.

Outro servizo importante era o que prestaba o “pelexeiro” ou peliqueiro, Lino González Núñez e os almacéns de viños “Os Castrelos”.

Tamén había unha ferrería (non teño o seu nome, podería ser Carlos Caxide) onde se ferraban os animais, anque este traballo tamén o facían os propios arrieiros a maor parte das veces.

Na Almuzara tamén esperaban “os corredores”. A súa función consistía en acompañar ós arrieiros ás distintas adegas, das que él tiña coñecemento da calidade dos viños, e segun as posibilidades económicas do arrieiro podía haber trato ou non. Si había trato, o vendedor do viño dáballe unha comisión. (Según anotacións do meu Avó, nos seus cadernos, tiña un corredor fixo que se chamaba Manuel Pousa “O Vilas” e tamén fala de unha tal “Señora Martina” do Carballiño, anque a maor cantidade das veces mercaba o viño en casas particulares como a de Salvador Touza “O Pejo” e a de Aquilino Cabada “O Ruzo”, tamén ten anotado haber mercado viño a Lourenzo de Ventosela, Ajapito Valcarce, Antón Valcarce, Gumersindo do Sixto e Familia Miguelez de Leiro e Cabanelas )

Tamén na Almuzara, os arrieiros mercaban a carne e o pan de Cea para, na casa onde cargaban o viño, preparar o xantar para todos. Os da casa poñían as patacas, os chourizos e o viño.

Imagen

 

OS CANTOS DOS ARRIEIROS

Son, dos Cantos dedicados ós traballos, dos mais coñecidos.

Normalmente están compostos en cuartetas ou redondillas e teñen un ritmo moi irregular e lento. Ao ser un traballo exclusivo dos homes, cántaos sempre unha voz masculina, nun principio sin acompañamento musical de ningunha clase, eles acompasábanos co chirriar da carreta ou co andar das mulas. Os temas destes cantares están relacionados coa vida dos arrieiros, o seu traballo, o seu entorno, a súa vida… polo que se pode decir que é unha das músicas mais populares.

Os arrieiros cantaban estas coplas, para escachar un pouco a monotonía dos seus viaxes polos camiños solitarios polos que andaban ó traveso de toda Galicia, a imaxe popular da figura do arrieiro é a de un home solitario anque isto non tiña porque ser así, pois podían viaxar varios arrieiros xuntos como dí unha cantiga, non sin certa retranca:


“Arrieiros de Lebozán,

 cunha besta catro van:
dous arrean, un contén,

 e outro mira se vai ben”


Tamén os cantaban nas entradas das vilas e das aldeas, para que a xente soupera da súa chegada.

O arrieiro foi unha das figuras mais populares da nosa terra, sempre paraban no mesmo cruce de camiños, nas mismas tabernas ou nas mismas eiras, así os veciños cando os escoitaban cantar, sabían a onde tiñan que ir a mercar ou cambiar as súas mercadorías (Os arrieiros tamén facían as veces de carteiros de cercanías)

 

                                            “Arrieiro dunha besta,

                                             cesteiro dunha cesta,
e pescador de cana,

                                             perde máis que gana”

Moitas destas cantigas presentan unha visión da súa propia figura destacando as virtudes do seu oficio e a súa valía.

Por exemplo, esta, pon na boca de unha moza o valor que tiña un pretendente arrieiro para ser desexado pola rapaza:

 

                                             O Primeiro amor qu’eu teña,

                                             ha de ser un arrieiro,

                                             que non ten botga sen viño

                                             nin a bolsa sin diñeiro.

 

Tamén, dándolle un consello á moza:

 

                                             Si te namoras rapaza

                                             algún día do arrieiro

                                             pon firmeza no querere

                                            qu’el sempre o fará primeiro.

 

É curioso que mentras os ditos inciden no carácter uraño, tacaño e pouco gastador do arrieiro, os cantos dos arrieiros fan pé precisamente á súa riqueza e fartura, somo se quixesen respostar ao que se marmuraba deles. Igualmente botando man deste contraste entre os ditos que falan dos arrieiros e as letras dos cantos que os arrieiros cantan sobre sí mesmos, o traballo do arrieiro é descrito na súa dureza:

 

                                             A vida dos arrieiros,

                                             éche unha vida penada,

                                             de día non oen misa,

                                             de noite non dormen nada.

 

Aínda que esta dureza do traballo, tamén queda compensada pola propia fortuna gañada con tantos traballos, como nos lembra esta outra cantiga:

 

                                             Eu cha contarei María,

                                             a vida do arrieiro:

                                             durme nunha “estrebería”

                                             come coma un cabaleiro.

 

Os arrieiros tamén son chamados ás veces “estrebeiros” por andar co gando. A estrebería era unha corte, onde o arrieiro a falta doutro sitio tiña que durmir cos animais. (os de mais cartos, pagábanlle a algún coñecido para que lle “estraran” a corte con toxo novo e así tela limpa cando eles chegaban) mais, aínda así hai fartura pois ainda dormindo alí, logo “come coma un cabaleiro”. Ter orgullo, mata o bicho que pica coa fame.

 

COPLAS MAIS COÑECIDAS DOS ARRIEIROS

 

Arrieiros son os homes,

arrieiros os homes son;

levan amor feiticeiro

cravado no corazón.

 

A vida do arrieiro,

non hai vida coma ela;

a semana no carreto

e o domingo na taberna.

 

A vida dos arrieiros

é moi mala de levar;

á noitiña déitanse tarde,

pola mañá madrugar.

 

¡Válame Dios, ai de min,

poder que ten o diñeiro!;

¡Unha nena coma eu

casada cun arrieiro!

 

I o cantar do arrieiro

élle un cantar moi ghuapo

ten un descanso no medio

para decir arre faco.

 

Arrieiro no camiño

i arrieiro no lughare

cando un arrieiro morre,

que camiño ei de tomare.

 

O cantar dos arrieiros,

é un cantar qu’enamora,

que ten a garganta doce,

de dirmir de noite fora

 

O cantar do arrieiro,

é un cantar moi baixiño,

cantao en Ribadavia,

resoa no Carballiño

 

Non te cases co arrieiro,

que leva a vida penada,

nin oe misa o domingo,

nin dorme solo na cama.

 

Lévame no carro leva,

arrieiriño das uvas,

levame no carro leva,

comerei das mais maduras.

 

(Pro meu Avó, o Sr Ramón, arrieiro do viño da Comarca do Deza e que chegou a ter unha recua de nove mulas)

 

Teño que ir pra Muimenta,

cúns zoquiños de ameneiro,

pra que se diga de min,

que son neto de arrieiro.

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s