O CU DOS CANS

O CÚ DOS CANS

       Din que a parroquia de Cans no concello do Porriño, chámase así porque noutro tempo seica había moitos cans alí.

       E contan os vellos do lugar que fai xá moitos anos, e na parroquia da Graña había unha cadela moi fermosa que andaba buscando mozo.

       Xuntáronse todos os cans de Cans para ir a conquistala, e puxéronse ó camiño nunha noite de lúa chea. Cando levaban algún tempo camiñando, toparon cun can de outra parroquia veciña que o saber  a onde iban avisounos de que no alto do monte había unha manda de lobos que non deixaban can vivo.

       Pero os cans, coas ganas que levaban de conquistar á cadela

non lle fixeron moito caso, e o que parecía mais valente de todos dixo:

       – Teño escoitado moitas veces que o que non ten cú, non ten medo, así que o que podemos facer é quitalo e deixalo aquí e cando veñamos de volta collémolo.

       E así fixeron, foron colgando cada ún o seu cú nas polas dun carballo e cando acabaron, seguiron camiño.

       Pero vai ti ver, que cando chegaron a cima do monte, apereceu diante deles a manda de lobos recachando uns dentes tan grandes, que mismo parecían os estadullos dun carro.

       Sin pensalo dúas veces, os cans meteron o rabo entre as pernas e zouparon monte abaixo a tanta velocidade que cando pasaron por debaixo do carballo onde colgaran os cús, cada un colleu o primeiro que atopou sin nin siquera mirar que fose o seu.

        E dende aquelas,o primeiro que fai un can cando se atopa con outro é cheirarlle o cú para mirar si é o del.

Imaxe

Foto de Mscotas.hola.com