UN RAPOSO NO SAN BENITIÑO DE LEREZ

Contan que nos tempos en que Monteporreiro era só un monte con tres ou catro casas, vivía un home ó que lle chamaban Xaquín de Tenorio.

Tiña este home ademais de outros animais, un galiñeiro ben surtido e que era coñecido e visitado moi a miudo polos raposos da parroquia.

Un ano polo día de San Benitiño do Lerez, un dos raposos veciños, atreveuse a plena luz do día, mangarlle un par de galiñas a Xaquín. Este, que estaba muxindo unha vaca, decatouse do acontecido, foi a casa pola cospeta e arreou coma lume de carozo detrás do raposo.

E contan nas parroquias das ringleiras do Lerez, que o raposo botaba chispas  polos ollos coa velocidade que levaba e ate tivo que soltar as galiñas para correr como si lle meteran lume no cú. A gran velocidade chegou o lugar do rio onde se celebraba a romaría de San Benitiño.

Ate hai quen dí que ese día, os romeiros que miraban como corría aquel raposo, compuxeron esa cantiga tan fermosa que dí:

            Como corre aquíl raposo,

            polo camiño do carro,

            levache a lingua na boca,

            e o cú debaixo do rabo.

 

O caso é que cando chegou, e coa velocidade que levaba, espetou os seus fuciños contra unha das barcas coas que os barqueiros pasaban ós romeiros dunha veira para outra do rio.

Levantou o fuciño medio esmendrellado e dixolle ó barqueiro:

– Padería facer vostede o favor de pasarme a outra veira do rio… e que anda un cazador detrás miña probando a súa cospeta nova e non sei que carallo lle fixen para que a tome conmigo desa maneira. Como me pille vaime deixar o cú coma unha peneira.

– No, si eu pasar pásote, pero non sei como me ás pagar.

– Bueno, eu pagar non lle pago, pero vostede páseme para a outra veira e mentras rema, eu dígolle as tres verdades mais grandes do mundo inteiro.

O barqueiro, curioso e confiado, mandouno subir a barca, comenzou a remar e dixolle ó raposo:

– Bueno logo, a ver, dime as tres verdades polas que teño que levarte para outra veira.

– Pois a primeira é porque vostedes os barqueiros, teñen soa de ser boa xente, traballadora e moi caritativa cos necesitados.

– Pois sí, eso é certo e unha gran verdade.

– A segunda é porque os raposos somos os animais mais intelixentes que creou Deus.

– Certo, certo. E cal é a terceira.

– Bueno, vostede siga remando que xa lla direi cando esteña cos pes na terra.

Así que a barca chegou a outra veira, o raposo saltou para terra e botou a correr mentras lle berraba ó barqueiro,

– A terceira é que busques outros clientes, porque sinón xa podes mandar a barca ó carallo.

Imaxe

O RIO ARNEGO

O Río Arnego è un afluente do  Ulla que  nace na Serra do Faro, nun monte ó que chaman a Pena de Francia. Discurre polos concellos de Rodeiro, Agolada, Lalín e Vila de Cruces, facendose grande despois de recibir os regatos de Rodeiro, Alemparte, Gurgueiro, Parada, Cadrón (Río das Abellas) e Vilariño entre outros, atravesa lugares tan fermosos como O Sobreiral do Arnego en Carmoega,  zona de especial protección dos valores naturais.

Xuntase en Brocos co Ulla no embalse de Portodemouros, alí acaba o seu percorrido de 60 Km. mais ou menos.

Na Ponte Vilariño , e na parroquia de Cadrón , a que perteñece a miña aldea do Castelo, abraza os concellos de Lalín é Agolada, un fermoso lugar onde o río é aínda mais fermoso. Nese sitio, de cativo, bañeime moitas veces nas súas augas e pillei as miñas primeiras troitas.

Co andar do tempo, nun remanso  o pé da ponte, fixeron unha area recreativa.  Alí   xunto coa miña guitarra, teño pasado moi bós momentos. Algunha canción e algún poema ten nacido nese lugar ó compás do rumor das súas augas.

O poéma  fíxeno alá polo ano 76.

 

O Rio Arnego,

o meu rio.

A miña melodía

de cativo.

Claro, cristalino, sen retorno.

Bravo na Ponte Vilariño

de escuma branca no seu leito,

e do ceo reflexado en seus remansos.

Abríndose camiño entre montañas,

agochado entre vidros é ameneiros,

ferido entre penedos,

cara o Ulla,

sen descanso.

Abrazando os seus regatos,

e dando vida ó seu entorno

verde, fermoso,

bicando a miña pel

entre os seus beizos,

e deixando unha bagoa

en cada herba.

Pra ir morrendo

entre augas mais escuras,

nese inmenso mar

que nunca houbo,

que foi feito

pra abrazar a súa gorxa,

e rematar ferido nesa presa…

onde perde a súa forza!

Imaxe