A RAPOSA, O LOBO E AS TROITAS


   A raposa que é a mais zorra de todos os animais, argallara unha das súas. Fixera a morta no medio dun camiño por onde tiña que pasar un arrieiro co seu carro, e, cando chegou xunto dela, ó vela así eslouveada, díxolle ¡xo! ó burro, baixou do carro, colleu a raposa polo rabo e botouna entre a mercancia que levaba.  Mentras o arrieiro cavilaba no que podía facer con aquela pelica e no que valería no mercado, a raposa ía tirando de entre a carga troitas frescas, e cando acabou de baleiralas, chimpouse do caro. recolleunas e despois comeunas.  E aínda se relambía do ben que lle prestaran cando se atopou cun lobo, e díxolle:

   -¡Ai, compadre, veño de papar unha fartada de troitas! ¡Case rebento do chea que veño delas !.

  Entón o lobo preguntoulle como fixera para collelas. E díxolle a raposa:

  -Iso éche o máis doado de todo o traballo. Fun ó río, atei unha cesta á punta do rabo e metina na auga, e cantaruxando: “Troitas á cesta, peixes ó rabo”, xa veñen soas ó canasto.

   Meu dito, meu feito. Vai o lobo, busca da cesta e bota para o río, decidido a coller e papar máis troitas cá raposa.

   Xa anoitecía e era por xaneiro. Xeaba coma neve e a auga estaba cada hora máis fría, pero el meteuse na auga coa cesta atada ó rabo, e cantaba: “Peixes á cesta, troitas ó rabo”. A raposa, sen que o vise o lobo, foi por detrás e botáballe cada pouco no cesto unha pedra.  E como o peso ía en aumento, o lobo tiña cara de contento, pero non se percataba de que a xeada xa case convertera o río nun enorme carambelo.

  Cando lle pareceu oportuno, a raposa deu a cara. Foi por xunta o lobo e preguntoulle:

  -¡Que, compadre! ¿Que tal de pesca?.

   O lobo tiraba do rabo e parecíalle, polo que pesaban as pedras e máis porque a xeada xa lle prendera o rabo nos carambelos, que tiña o cesto case cheo delas.

  -¡Ai, comadre, como pesa! ¡ Case afonda a cesta co que pesan!.

   Pero cada vez afundíanse máis co peso e xa empezou a pensar en saír da auga co que tiña. E tiraba, e tiraba, pero non podía. E como el cría que todo o peso eran as troitas, aínda decía:

   -¡Veñan delas e queden delas!, ¡veñan delas e queden delas!.

  Cando viu que el só non podía con tanto peso, díxolle a raposa:

  -¡Comadre, vaia por picos e martelos para escachar os carambelos, pero vaia por lonxe dos palleiros que non a sintan os cadelos!.

  -¿Que di, compadre, que vaia por un saco de cadelos? ¡Xa vou, xa vou!.

  -¡Non muller; vaia por picos e martelos, para romper os carambelos! ¡ E vaia por lonxe dos palleiros!.

  -¿Que di, compadre, que vaia por onda os palleiros? ¡Xa vou; xa vou!.

  A raposa fixo de maneira que alborotou a tódolos cadelos. E a condenada, en vez de ir por lonxe onde estaba o lobo, acirrábaos cara el. E decía o lobo:

  -¡Por alá, por alá, con esa xentiña!

  E a raposa:

  -¿Que vai axiña? ¡Xa vou, xa vou!

   -Por alá muller!

 E ela:

   -¡Por alá vou!

  O caso foi que os cans deron co lobo, e como estaba trabado pola xeada, por moito que tiraba e tiraba, co peso das pedras na cesta non era que de sacar nada, e acabou rompendo o rabo e deixándoo todo, desde o lombo para atrás, rabenado.  E aínda, léveme o demo, se non vos era ben mala aquela raposa, pois, ó velo correr por unha costa arriba ciscando sangue pola ferida, berráballe, de burla:

  –¿Que será aquel guilindreiro

     que vai por aquel lombeiro

      ciscando sangue polo trasairo?

Imagen

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s