O SAN ADRIÁN DE MONEIXAS


O SAN ADRIAN DE MONEIXAS

        En Moneixas teño parte da familia que máis quero, son sangue dos Gaiteiros “Os Dezas de Moneixas”, fillos do meu tio Manoliño “O caixa” e da miña tía Sara dos Pidreiros de Muimenta. A súa casa sempre foi, e segue sendo, a miña casa. Ate me parece que nunca chamo para entrar; abro a porta, entro, e cando chego á cociña pregunto se se pode.

      Durante moitos anos celebrei con eles a festa do San Adrián, ou me chamaba a miña curmá Fe para convidarme ou me convidaba eu. Coa xente desta casa sempre considerei unha parvada gastar os cartos no teléfono, porque sabía que se non me chamaban era porque non tiñan tempo de facelo. Eu aparecía alí xunto cos meus e a miña guitarra para festexalo con eles.

mONEIXAS 1

        Como calquera festa que se precie, comenza coa sesión Vermut, e o San Adrián non pode ser menos, así que xunto cos meus curmáns celebrabamos a sesión na Taberna de Pachín, que está ao carón da Igrexa. Nesta taberna é onde quedabamos os que chegabamos tarde para a misa, e ao atoparse a Igrexa chea había que escoitala dende o atrio…ou dende a taberna. Agora sí, cando saía a procesión, nós, coma bós católicos, poñiámonos ao remate dela, andabamos uns vinte metros e xa quedabamos no Cruceiro onde está a carballeira da festa. Así aproveitabamos para escoitarlle unhas pezas á orquestra de turno, mentres agardabamos pola hora do xantar.

         Bueno, o do xantar é un dicir, porque aquelo non era un xantar como quen dí, aquelo era o menú para unha voda. Xa sabedes como somos os galegos, mais vale que sobre comida para vinte dias ca que os convidados volvan á casa medio fartos. O menú compoñíase de entremeses variados para ir abrindo boca e seguíanlle dous ou tres platos varios e media ducia de tartas… ah! e eso sí, ¡¡que non faltase o Manguito !! Nesa casa o Manguito é unha cousa sagrada. Se faltase xa non sería un San Adrián completo; e non se come a pau seco, non, régase ben con viño tinto do ribeiro para que non se atranquen as faragullas na gorxa.

MONEIXAS 2

      Algunha anécdota hai sobre o manguito nesa casa, como cando o puxeron a durmir na mesma habitación dos rapaces esperando polo día da festa. O caso é que a algún déuselle por meter os dedos pola parte de abaixo e probou un chisco e, claro, despois dun chisco veu outro… e outro… e outro máis, e o manguito quedou nos osos como quen dí. E… como vos diria eu…? Seguía tendo forma de manguito pero o contido iba no carallo, até que para o outro día, cando chegaron os postres, e a miña tía Sara o puxo enriba da mesa para cortalo, desinflouse até límites insospeitados. Os “ratos” que fixeran tal desfeita, acabaron chorando entre o millo da leira que hai xunto a casa e clamando perdón á miña tía que, coma unha boa Pidreira de Muimenta que era, tiña un corazón enorme, aínda que tamén tiña unhas malas pulgas doentes.

      Pero o mellor viña despois do xantar… ou durante, porque a miña curmá Fe se non escoitaba cantar despois dos entremeses, xa lle parecía que algo non ía ben; así que había que cantar, que era polo que rabeabamos todos… E vaia maneira de cantar! Comezabamos a iso das catro do serán e repasabamos todo o repertorio da música popular galega. Faciamos un alto para cear e clarexar as gorxas con algunha desas brevaxes galegas que temos na nosa Terra, que parece que os destilou o Demo, e seguiamos até as tantas. Por se fora pouco, algún ano temos rematado no campo da festa a altas horas da mañá, onde algunha vez houbo que atar a algún dos cantores aos carballos cun cinto, para que non caera e poidera seguir tocando na caixa. E a de xente que se xuntaba na casa ao comenzar a cantar, mimá!  Nin que fosemos bombas de palenque de seis estalos chamando aos parroquiáns, que me leve o demo se había máis xente na misa, viñan todos e máis que houbera.

MONEIXAS 3

       A verdade é que cantabamos ben, e sen ningún tipo de ensaio que fixera pensar que levabamos toda a vida cantando xuntos pero, como se soe dicir, “o que val, val” e os meus curmáns, tanto as mulleres coma os homes, valen para cantar. Vaia se valen e vaia voz que teñen! Parece que é un don natural da familia.

        Como vos dicía, era comezar a cantar e veña a asomar veciños pola porta para dentro, que para iso a casa dos meus curmás de Moneixas era a casa de tódolos que quixesen achegarse a ela. Non é milagre que tivesen que ampliar o comedor, pois no vello, cando ún queria levantarse por necesidades fisiolóxicas da vida, tiñan que moverse vinte. Eu sempre tiven sorte porque, como era o que tocaba a guitarra, poñíanme na cabeceira da mesa que era onde estaba a ventá, de modo que se quería saír pois saía por ela. Agora no novo comedor estamos máis espallados e xa non temos ese problema, se hai que saír a mexar vaise sen máis e non se molesta a ninguén.

MONEIXAS 4

Mais agora, co paso dos anos, a cousa xa non é o mesmo que era. A verdade é que ún vai apousentando e vólvese máis tranquilo. Ésto, xunto cunha enfermidade bastante fodida, fixo que as cousas polo meu lado se tranquilizasen un pouco. Ademáis, dende que morreu o meu curmán Luís, dáme que as cousas xa non son igual ao que eran. De modo que hoxe conténtome con acompañalos durante uns intres, mandarlle uns “cafeses” xuntos e botarlle un par de cantigas polo día da festa.

Pero como din ós andaluces: “Que me quiten lo bailao”. As estampas do San Adrián de Moneixas na casa dos meus curmáns son das máis fermosas do álbume da miña vida… Desas que, por moito tempo que pase, sempre perduran na memoria e no corazón… Corazón no que levo a Luís (DEP), Chucho, Cruz, Mario, Celsa, Javier (DEP), Pepe, Alfonso, Fe e Ana, xunto coas súas respectivas parellas e fillos. Bueno, a Fe vouna nomear outra vez porque ela vai nun recunchiño preferente; se fose a miña irmá de seguro que non a querería tanto.

Unha aperta para todos eles, e de seguro que aínda nos quedan moitos San Adriáns que festexar xuntos.

San Adrián de Moneixas

Captura

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s