A MUSICA NAS TABERNAS


É nesto que acabo de recibir a visita dun amigo, que viña co seu libriño na man para regalarmo, un libriño que encerra un cento de cancións de música das tabernas  que el recolleu para poñer o seu granciño de area intentando que non se perda semellante tradición, un agasallo que recibo cos brazos abertos,  pois o canto é o medio de expresión  máis importante que pode ter un pobo.

As cancións populares  son sangue dos nosos vellos, nas que expresaban o amor, a crítica, as doenzas, as penas e alegrías dunha terra como a nosa privada da súa cultura durante tanto tempo e na que só queríamos convivir con  meigas, trasnos e Santas Compañas. Cada cantiga é un anaco da nosa vida, da nosa cultura e da nosa historia. A cantiga popular Galega vai con cada un de nós e acompáñanos co traballo que nos dou a vida. Así, temos cantigas de labranza, cantigas de canteiros , cantares dos arrieiros, de cego (dos que eu son un namorado), de Nadal de reises, cantares da  seitura, do entroido e de tantos e tantos traballos nos que, mentres se tequelexaba, cantábase para que a cousa fose máis levadeira.

A música popular é a que se aprende na casa, xunto cos avós, os pais e demais familiares; e que describe as súas vidas e as súas costumes. Non se aprende en Conservatorios nin en estudios de música, nin en Deputacións que subvencionan Bandas de Gaiteiros Escoceses seguindo as ordes de un tal Foxo, quen está intentando estragar aos nosos gaiteiros populares. Os mellores conservatorios para entender a música popular son os núcleos familiares e as tabernas.

A tradición ancestral de cantar nas Tabernas foise perdendo pola interferencia doutras músicas que nos son alleas e que poden rematar con noso patrimonio musical e coas costumes de xuntarse de cando en vez para tomar unas cuncas de viño, acompañadas  dalguna copla da nosa herdanza musical. A súa decadencia comenza cando aparece a TV. Nas casas non había cartos dabondo pra mercar unha e había que ir mirala á Taberna, polo que había que estar calados. Así comezaron a verse letreiros por tódalas tabernas coa lenda “PROHIBIDO CANTAR POR ORDE GUBERNATIVA”, acompañada dun “Se cantas ben, ao teatro, e se cantas mal, para fóra”. Isto levou a que moitos grupos de amigos que non eran moi estables, deixaran de cantar.

Pero agora parece que están volvendo outra vez e cada vez son máis os Concellos onde se xuntan uns cantos grupos para volver espertar tan fermosísimo costume. Eu estou participando nalgún e, a verdade, é unha ledicia pasar unha noite cantando con xente que nunca viches, que non coñeces de nada, pero que a música fai o milagre de xuntarnos para pasalo ben.

Por outra banda, debemos darlle moitas grazas e o maior dos recoñecementos ás nosas mulleres, anque elas non participasen da tradición das cantigas de taberna, foron as que conservaron a maior parte da tradición cantareira. Elas sempre foron as que levaron  a voz cantante, anque non cantaran nas tabernas, nós sempre fomos máis de tocar a gaita (en toda a amplitude da palabra). Sen elas, a nosa cultura musical non sería nin a décima parte do que é hoxe.

Pois nada, meu amigo, perdoa por estenderme tanto e irme polas ringleiras do Lérez, cando o único que quería era darche as grazas, desexarche moita sorte e que ogallá sexas unha das pallas que van facer un bó palleiro, para que se recupere esta tradición tan fermosa de cantar nas Tabernas.

Unha aperta.

226653_4211579127876_377339501_n

941296_4832993462846_200376716_n

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s